TOPONIMIA 1) Xeralidades Toponimia é o conxunto dos nomes de lugares ( Do grego τοποs lugar e ονοµα> ονιµια que significa nome ). Os topónimos son a parte máis conservadora do idioma. A toponimia galega é a máis abondosa da Península pola dispersión da población e polo minifundio (en torno a tres millóns de topónimos). Supón moita información sobre o noso pasado xa que tódolos pobos que tiñeron algo que ver con esta terra deixaron a súa pegada na nosa toponimia (celtas, árabes, romanos, etc). Ademais, os topónimos pódennos dar indicios de antigos detalles xa desaparecidos ou modificados pola man do home nos aspectos xeográficos dunha comarca, da flora ou da fauna. Asemade, poden dar testimonio de fundacións, institucións e outras obras humanas que non deixaron outro rastro máis ca este. Hai que distinguir dúas etapas: - Etapa prerromana: anterior á presenza romana. Máis obscura e difícil de investigar (celtas, lígures ou ilirio-lígures, etruscos). Ex: *Minium (etrusco)>minio, bermellón, cinabrio (óxido de mercurio, de cor vermello roxo) >Miño. Sil (óxido de ferro hidratado, de cor amarelo)= sil, ocre. O Céltico é menos difícil de perseguir, pero a súa identificación non é nada fácil. Os celtas, sabemos que inundaron case toda Hispania. Este sería un territorio celtizado como a Lusitania occidental de celtas da rama britonia (= ó galés de Gales e ó bretón da Bretaña francesa) e non á rama gaélica ou goedélica (= ó irlandés, gaélico de Escocia, illa de Man, etc) O elemento que presenta as mayores dificultades é o ligur e o etrusco se algo hai ou queda. Ex: Lambre (río de Betanzos e lugar de Irixoa) relacionado co Lambro afluente do Po na Lombardía. No que respecta ó etrusco, os testimonios son máis abundantes e seguros e a súa interpretación vai progresando cada día. Non quere dicir que tivera habido colonias de etruscos en Hispania se non que terían un substrato mediterráneo común cos habitantes destas terras. - Etapa romana: ata os nosos días. Nela distínguense tres estratos -estrato latino (asimila elementos no latinos, célticos, gregos, etc.) -estrato xermano (suevo, xermanos occidentais,-visigótico, xermanos orientais): época de transición entre o estrato latino e o romance. Os topónimos deste estrato caracterízanse por uns sufixos moi claros: -gilde,-mil,-monde,-rey,-riz, - sende,-ulfe,-án/-áns/-ás (Freás), -in, -elle (Sendelle). Topónimos arábigos hai moi poucos; máis ben son voces mozárabes, vocablos que pasaron ó romance galego e utilizáronse logo como topónimos (Aldea; Alfoz =pago ou término municipal; Alfándiga =barranco, foso; Algara= cova; Aceña, Tafona, Talaya, Atalaya ) -estrato romance: de difícil distinción co estrato latino. De feito, hai quen fala dun Gran estrato formado polos topónimos latinos e os romances. Nesta etapa os nomes de lugar identifícanse con relativa facilidade por dúas razóns: Son relativamente modernos Moitos perviven como nomes comúns na lingua vulgar.
2) Clasificación dos topónimos a. Formas de establecemento humano ou tipos de poboación Ex: Castro, Burgo, Vigo < vicus= aldea, barrio, Vila, Vilar b. Fundacións ou edificacións, tipos de construccións feitas polo home Ex: Castelo, Celeiro, Pazo, Torre, Muros c. Establecementos industriais Ex: Muiño, Fornelos, Telleira, Batán, Foloña< fullonia, do latín fullo, fullonis: batanero por fullonium: batán, pisón, folón. d. Topografía ou configuración do terreo, a súa constitución, chamados tamén orotopónimos Ex: Lomba, Montouto, Rebordechán, Valongo, Areas, Barreiro, Lousada, Seixo, Seixido < saxum: roca, pedra. e. Flora espontánea e cultivos, chamados fitonimos Ex: Carballeda, Freixo, Loureiro, Salcedo, Maceda, Liñares, Soutelo < saltus: bosque, prado, en diminutivo. f. Fauna e animais indómitos ou domésticos, zootopónimos Ex: Lobería, Oseira, Golpelleira< golpe< vulpes: raposa, golpe, Pombal, Abelleira, Armenteira <armentum: rabaño de vacas. g. Os camiños, as súas obras ou lugares relacionados con eles Ex: A Estrada, Ponte Carreira, Vieiro, Portela, Pousadoiro. h. Fundacións religiosas ou nomes de santos, os chamados haxitopónimos. Ex: Capela, Eirexa, O Milladoiro < humiliatorium: humilladeiro, Mosteiro, Santiago, Sanfiz < Sancti Felices, Sanxenxo< Sanctus Genesius; Santalla, Santoalla, Santabaya, Santaballa < Sancta Eulalia. i. Fundadores ou propietarios de fincas e poblados que foron orixe das aldeas e vilas actuais, os antropónimos Ex: Chayán< Flavian-us,-i; Chorente < Florenti-us,-i; Recarey<Recared-I; Guitiriz< Witiric-I; Vilagarcia, Vilar de Donas, Vilar de Frades. j. Outros conceptos menos frecuentes e menos facilmente clasificables Ex: Belvís< Bellu visu: bella vista; Cospeito< conspectus: visible, vista; Bemposta, Cimadevila, Niñodaguía. k. Nomes tribales ou étnicos análogos Ex: Célticos, Bergantiños, Suevos, Toldaos, Bangueses< que veñen de Banga (Carballiño); Cambeses de Camba (hidrónimo que designa un afluente do Bibey en Ourense e do Arnego en Pontevedra). Na toponimia prerromana pódense agrupar por series de terminacións iguais ou semellantes. - Obre/ -ebre/ -abre: Añobre, Callobre, Sillobre, Boebre, Deixebre, Alcabre, Xiabre. - Ove: Landrove, Lestrove, Tragote - Oña/ -oño: Baroña, Bedoña, Carantoña, Centroña, Vizoño, Ortoño - Ara (átono) : Brácara>Braga; Láncara, Lózara; Tállara; apelativos: cáscara, gándara, Sénara> Seara, Senra: terra de sembradura. - Anca/ -anco: Bardanca, Cusanca, Coristanco, Listando. - Plurales en antes: Arantes, Barbantes, Cervantes, Cesantes, Serantes. Tamén polos seus primeiros elementos ou sílabas radicales: Ex: Lesta> Lestayo, Lestedo, Vestido, Lesteiro, Lestrove. Hai que ter en conta tamén que algúns topónimos son formacións híbridas resultado da coexistenza de diversos elementos idiomáticos:
Pódese tratar de compostos de dous termos de lenguas diferentes como Castromil, Seixomil (latino-xermánicos) Adxectivos ou nomes de sufixos latinos sobre bases ou raices non latinas pero incorporadas ó latín ou ó romance galaico-portugués como se o foran Ex: Biduido< *betuletum de betulla: abedul, tamén Bido / Biduo / Bidueiro; Carballo, Carballal, Carballeda, Carballeira; Lama, Lamela, Lamosa, Lameiro; Laxe, Laxosa, Laxeiro.
1.- A Coruña: Probablemente de Clunia, topónimo idéntico ao da capital dos arevacos e capital do conventus iuridicus Cluniensis. A evolución da hipotética base ata as formas castelán e galega non foi regular, quizais por influencia medieval culta e conservadora na primeira sílaba, que ten en común o cambio do l en r. A nosa xa aparece na Idade Media no Códice Calixtino, lib. IIII, cap. III.como Crunia ou Curunia que se procedese de Clunia, sería unha solución semiculta, xa que a evolución normal do grupo cl tería sido ch, como de clave >chave, pero a irregularidade está en que temos cr, como en cravo < clavu. A forma castelá leva un o epentético. A presencia do artigo parece indicar que debeu ser ata tempos recentes nome común. Hai outras Coruñas (Val do Dubra e tres en Lugo). E a Clunia arevaca é hoxe Coruña del Conde (Burgos). J.J.Nunes sostén que a orixe última é o latín colonia, que sería finca, propiedad rural ou noutro senso territorio poboado por extranxeiros. Hai constancia arqueolóxica dun porto de época romana na Coruña (zona do Parrote) e documentación medieval que parece indicar un embarcadeiro arcado (pons lapideus ex multis arcubus) ad turrem Faris. En calquera caso, teríamos que concluír que estas non son máis que posibles orixes para un topónimo de procedencia nada segura. 2.- Estrada: É unha vía de comunicación. (Viam) stratam é a voz da que procede e refírese ós diferentes estratos de distintos materiais con que os soldados romanos construían as vías. Corresponde ó ingles street e ó aleman strasse. Loxicamente os estratos só os facían en terreos brandos e en lugares de moito tránsito. 3.- Acibeiro: Os topónimos saliron na súa maioría de sustantivos pero tamén algúns adxectivos que se sustantivaron e uns e outros masculinos ou femininos e en singular ou en plural. Os neutros confundirónse xeralmente con masculinos en romance e tamén algúns en plural a femininos polo feito de rematar en a. Así eran neutros na súa orixe os numerosos nomes rematados en edo,-ido ou en eda,-ida, dos latinos rematados en -etum/-eta, derivados case todos de árbores e plantas como este que nos ocupa ou Canedo, Codeseda, Fiolleda, Maceda, Louredo, Lourido, Carballedo, Carballeda, Carballido, etc.)*acifum= acibo, acebo, parece ser a árbore de onde procede este topónimo. Variantes Acibido, Acebido. O sufixo arius, aporta a connotación de abundante en este tipo de vexetación. 4.- Armenteira: topónimo de orixe latino pois armentum designa unha vacada, rabaño de vacas ou cabalos, ganado maior. Por tanto un zootopónimo que nos indica a abundancia, mediante o sufixo arius,( sufixo moi produtivo) deste tipo de animais. 5.- Bonaval: Conserva o xénero feminino do término vallem= val, este topónimo formado polo adxectivo bona de bon-us,-a,-um e o substantivo sinalado.tamén ocorre o mesmo nos topónimos coa misma base Valonga, Valiñas, Valboa e Valouta. 6.- Caldas/Caldelas: topónimo referido á presencia do elemento auga, neste caso quente. Aqua calida é a expresión latina da que procede auga quente está presente en Caldas e tamén en Riocaldo ou en Auga Quente, aldea da parroquia de Lagoa, concello de Alfoz (Lugo), cun manantial de augas termomedicinais.
7.- Castrelo: De castr-um,-i. Os castros eran as aldeas ou os recintos dos poboadores prehistóricos de Galicia. Tiñan forma de círculo e estaban sempre situados nun lugar elevado para ver ben se se achegaban os inimigos e así poder defenderse. As casas que se facían dentro deles tamén eran de forma redonda. Como os nosos antepasados eran bos arquitectos, aínda conservamos algún en bastante bo estado. Pois ben, eran tantos e tantos os castros que houbo en Galiza, que case non hai concello sen o seu e, ás veces, ata hai dous ou tres nunha misma parroquia. Lamentablemente, moitos xa non existen, porque a xente xa esqueceu o importante que é respecta-las cousas antigas. Os topónimos quedan para non esquecelos. Só na provincia de Pontevedra hai 52 lugares que se chaman Castro, O Castro ou Os Castros. O seu diminutivo é Castrelo ou Castriño. 8.- Cebreiro: Os animais estaban na terra antes de chegar os homes. Moitos lugares, como xa dixemos, teñen que ver con nomes de animais, que vivían primeiramente libres e despois, en ocasións, en cautividade. Os zootopónimos naceron da convivencia homeanimal. Este topónimo leva o nome dun animal, hoxe desaparecido, cebro, unha especie de cabalo ou asno salvaxe pequeno, parecido a un poni. Tamén debía ter un aspecto común ao da cebra pero sen as raias.o sufixo arius>-eiro, aporta unha información a este termo que xa comentamos ut supra (acibeiro, armenteira). 9.- Celanova 10.-Cimadevila: É un nome composto que fai referencia á situación a parte de arriba dunha vila. Da palabra grega cymam bico, picouto, punto máis alto e a voz villam explotación agropecuaria que despois medra e convírtese no que hoxe entendemos por vila. 11.- Compostela: é o topónimo galego máis discutido, porque a posibilidade de relacionalo co sepulcro do apóstolo Santiago, descuberto no século IX por Teodomiro, fai emotivos os razonamentos. O lugar debeu estar habitado en época prerromana coma demostra o topónimo precéltico Sar corrente de auga, a existencia de unha mámoa (Porta da mámoa) e dous topónimos célticos, Callobre, primitivo nome do Castro (Praza de Cervantes, Rúa do Castro) e Troia<Turobriga cidade forte. E dos primeiros tempos da romanización poden ser algunhas das inscripcións funerarias e moitos sepulcros que se colocaban á beira dos camiños (segundo costume romano). Este lugar tivo tres nomes, Libedón, que para algúns sería céltico castro do camiño e para outros deriva de liberum donum libre concesión (dun terreo). Entre os sécalos IX e XI chámaselle Arcis Marmoricis, que presenta o topónimo Arca, case sempre indicador de sepulcro en mámoa. Pero no século X os documentos empezan a falar dun suburbio Compostella, é decir, unha parte da vila que se chama asé e que algúns sitúan na actual zona do Franco. Dende o século XI o nome desa zona exténdese a toda a vila. Dende sempre houbo interpretacións deste topónimo. Popular foi o de Campus stellae campo da estrela (que disque indicou a Teodomiro o lugar). O Cronicón Iriense (XI- XII) derívao de compositum tellus terra composta ou fermosa. No XII a crónica de Sampiro di Compostella, id est bene composita. No Códice Calixtino (s.xii) cóntase a historia dunha muller chamada Compostella presuntamente vinculada á prédica do apóstolo. Pero sempre foi máis aceptada a interpretación de viliña ben feita, como a deixaría a reconstrucción e fortificación do XI trala destrucción de Almanzor (997). Pero Amor Rubial, lembrando o significado de compositum enterrado que xa aparece
en Virgilio, interpretouno como lugar onde está enterrado. Crespo Pozo e Luís Monteagudo, por fin, considérano pre-xacobeo, porque aparecen máis Compostelas por Galicia (e hai unha Compostilla no Bierzo) e considérano un composto céltico de combaros escombros e steel ferro, significando escorial de minas e ferrerías, e tamén relacionan con el o barrio da Estila. Con todo é moito máis verosímil a oríxe latina que se pode razoar en tódolos seus elementos. Pero queda a duda de si vila ben feita, terra amoreada ou enterramento. 12.- Couto: Procede de cautum lugar cercado como medida precautoria ; incauto desprevenido. Non se debe confundir Couto (topónimo de orixe latina) con Coto (topónimo prerromano que indica unha elevación do terreo ) e do que derivan Cotón, Cotarelo, Cotelo, Cotobade, Coto Redondo. En Asturias hai un Picu l Cuetu, que vén ser unha repetición de concepto. 13.- Chantada: Do latín plantatam, é dicir, plantada. Contan que andaba unha vez o demo pola terra e que levaba a súa nai no lombo, porque xa era velliña e non daba andado. Non se sabe a onde ía nin de onde viña, pero xa debía levar percorrido moito camiño e comezaba a cansar. Chegado o momento en que non puido máis e coa súa coñecida maldade, botou a nai ó chan e berroulle:" aí quedas chantada". Nese lugar disque se fundou a vila de Chantada. A verdadeira orixe da palabra non é tan distinta. 13.- Feans: 14.- Filgueira: Filgueira: O fento que tamén se chama felgo, fenta, fieita, fieito ou folgueira e que se pode encontrar por cada recanto dalle nome a os concellos de Folgoso do Caurel, A Fenteira, As Fenteiras, O Fental, A Fentosa, O Fieitoso, Os Fieitás, A Fieitiña, Filgueira, Filgueiras, Filgueiroa, Folgueira, As Folguedas, O Folgar, Folgueirosa, etc...antes de que o home habitase os lugares, xunto cos animais, tamén as plantas eran donas do territorio. 15-Fisterra: De Finis terrae fin da terra. A forma castelanizada Finisterre é ainda un auténtico latinismo vulgar con nominativo singular da 3ª e xenitivo singular da 1ª. Existe na Bretaña Francesa un Finistère. 16.- Fondevila: 17.- Fonsagrada: Deriva de fontem sacratam: fonte consagrada, bendita É un topónimo formado co substantivo Fonte, moi productivo, máis un adxectivo ou participio, neste caso do verbo sacro: consagrar, adicar a unha divinidade, santificar. 18.- Fontefría 19.- Fontoira: En castelán Hontoria< fontem auream fonte de ouro, non porque votara ese metal precioso senón pola calidade e oportunidade da auga. 20.- Foz: Os hidrotopónimos son todos aqueles nomes de lugar que se refiren á auga, que son moitos, porque a xente sempre buscou para facer as súas casas sitios próximos a ríos ou fontes, entre outras cousas para non pasar sede. Na antigüedade pensábase que era un elemento moi importante que curaba enfermedades e axudaba a ter fillos.unha foz é o lugar onde desemboca un río e un esteiro a zona da costa que se inunda cando
medra a marea, porque alí tamén desemboca unha corrente de auga. Faucem>focem (latín vulgar)>foz, gorxa ou angostura dun val ou metafóricamente saída dun río ó mar ou a outro río. O Foz galego é o mesmo que có Foce italiano e os topónimos Hoz que atopamos en terras de Castela. Así entre Caminha e A Guardia está a foz do Miño; e na ría de Foz desembocan o Masma, Hortas e Centino. Fouz deriva de falcem fouce. 21-Frades: Os frades< fratres son os monxes dalgunha orde relixiosa.a relixión tamén bautiza os lugares. 22.- Lavacolla: Nome dun río e aldea, onde construíron o aeroporto central de Galiza, ten unha etimoloxía curiosa se os profesores Pensado e Moralejo non van descamiñados. Derivaría de Lava colea, literalmente lava testículos, estaría relacionada coa tradición secular de que nese río, próximo xa a Compostela, se lavaban os peregrinos que viñan polo Camiño Francés e que despois botaban unha carreira á porfía ata o Monte do Gozo onde por fin albiscaban a meta do seu esforzo. Que esta interpretación era popular xa na Idade Media demostrao o feito de que o Códice Calixtino (s. XII) chámalle Lava mentula, o que ven significar o mesmo pero en latín, por eufemismo. Díaz sen embargo, di que o Calixtino aí non da un verdadeiro topónimo se non unha interpretación e propón partir da forma popular Alabacolla pero lembra que tamén temos Lavapés (Vilalba, Lugo) e Lavapies (Oviedo, Madrid, Huesca). A oscilación b/v é característica do primitivo romance hispánico (como apuntamos máis arriba), todo b intervocálico fíxose ou bilabial fricativo ou labiodental (v) como aínda conserva o portugués: povo, haver, amava frente a barba e ambos. Pero no século XIII perdeuse en todo o norte da Península a oposición b/v consolidando outra tendencia que xa se manifestara en época romana: Nerva/ Nerba. Por eso, no galego e catelán hai faltas de ortografía porque as pronunciamos igual (sempre b). A oscilación b/ v recorda aquel dito irónico: Beati Hispani, quibus vivere bibere est. 23.-Louredo: lauretum é a forma latina da que proceden Louredo ou Lloret, é dicir, lugar onde hai moito loureiro (laurum). 24.-Lugo: De lucum fraga sagrada. Algúns sosteñen que o topónimo pode ser xa prerromano aludindo ó deus céltico Lupus ou á tribu dos Lougei que aparece nunha inscripción do Courel. Para honrar a memoria de Augusto, os romanos chamárono Lucus Augusti Lugo de Augusto. Engadirlle a unha cidade o nome dun militar ou político (Stalingrado, Constantinopla, Alejandría, Cabo Kennedy) acontece as veces, pero ese apéndice polítco poucas veces dura: perdérono Astorga (Asturica Augusta) e Mérida (Emerita Augusta); pero conservouno Zaragoza (Caesaraugusta). 25.-Maceda: Maceira, As Maceiras, Maceda, Manzaneda ou Maciñeira deben a súa orixe a o sustantivo feminino latino mal-us, -i: maciñeira. Hai moitos lugares que toman o seu nome dunha árbore. 26.-Milladoiro: De humiliatorium lugar onde os romeiros, vendo por fin a cidade de Compostela, axeonllábanse para daren gracias a Deus ou de *ad-miliatorium lugar onde os romeiros botaban unha pedra que traían consigo, formándose deste xeito unha morea de pedras que é o milladoiro. Os peregrinos que ían a San Andrés de Teixido e mailos segadores galegos que ían a Castela tamén mantiñan a tradición dos milladoiros, que debe ser antiquísima, porque xa Martiño de Dume fala dela como rito en honor de Mercurio na Gallaecia do século VI. Pero na documentación medieval aparece
miliatorios sinónimo de miliarios, pedras que ó pé dos camiños indicaban as distancias en millas. (v. Pedrafita) 27.- Mondoñedo: Era na Idade Media Mindunietum. As etimoloxías para este lugar non convencen. En San Martín de Mondoñedo residían na Alta Idade Media os obispos mindonienses ou dumienses por continuar ós de Dume, cerca de Braga. 28.-Monforte: A Fonsagrada, Monforte e Ponferrada derivan respectivamente de fontem sacratam, montem fortem e pontem ferratam (abundante en ferrum, ou feita deste metal). Os tres teñen en común a perda dunha sílaba interior que se pode ver noutros topónimos como Fontepedriña< fonte de pedra, Fonfría, Fonlor< fonte do río Lor, Fonmiñá ou Fumiñá< fontem minianam fonte do Miño ; tamén nos compostos de montem como en Monreal, Monfero, Monbuey (na provincia de Zamora) monte-monte, xa que os topónimos boi/buey parecen derivar dun étimo prerromano que significa monte. 29.-Oleiros: Existen moitos nomes de lugar, a meirante parte en plural, que fan referencia a antigos oficios ou condicións sociais.estes apelativos, se son urbanos, refírense a rúas onde os artesáns dunha mesma especialidade practicaban o seu oficio. Este espíritu gremial produciu topónimos urbanos. É o caso da Rúa dos ferreiros, antigo nome da rúa santiaguesa das Orfas. Esta clase de topónimos non só da nome a barrios urbanos, senón tamén a aldeas do medio rural, as cales estarían constituídas nun principio por grupos familiares de artesáns do mesmo oficio, tal como sucede nalgunhas sociedades primitivas actuais, onde os artesáns dunha mesma especialidade se agrupan ás veces en castas nas que a habilidade técnica acompáñase dun prestixio máxico. Así como os Ferreiros aglutinaría a varios artesáns fabricantes de ferro, Oleiros (ollam: ola, marmita) fai alusión a antigas aldeas de oleiros ou alfareiros, nas cales estes traballadores do barro terían doada a consecución da súa materia prima, xa que estos lugares denominados así dan nome a terreos certamente arxilosos. O P. Sarmiento fala de sepulcros antigos con olas funerarias que sinalarían unha preindustria alfareira, neste caso ritual, non funcional como a citada anteriormente. 30.-Ortigueira: De Urticaria con referencia a un lugar onde abundan as ortigas urticam máis o sufixo ariam: abundancia de ortigas. 31.-Orxal: Tamén Orxais de hordeum cebada, orxo ; en castelán en Castro Urdiales ou mesmo Ordial. O hordeum spontaneum está documentado en Tácito na súa obra Germania, 23,1 onde nos di ademais que con el os xermanos facían cervexa: potui umor ex hordeo para beber, un líquido feito de orxo. 32.-Oseira: Parece que fai referencia á abundancia noutro tempo de osos no lugar de ursum oso máis o sufixo arius,-aria que denota abundancia. O monasterio que se denomina así pertece a cea (Carballiño- Ourense) é conocido como O Escorial de Galiza. 33.-Ourantes: 34.-Ourense: procede seguramente dun adxectivo *Auriense que chegou a sustituír o nome da ntiga Auria. Este é un dos topónimos que se teñen relacionado coa explotación
romana do ouro galaico e que caen todos dentro dun círculo de 100 quilómetros de radio con centro en Lugo, coma se esta cidade fose un destacamento militar para proteger as explotacións e a canalización do metal cara a Roma. 35.-Outeiro: 36.-Padrón: Non ten unha única explicación para o seu étimo. X.Ferro apunta un patronum patrón relacionado tematicamente con Paderne de (villam) Paterni villa de Paterno. En A. Moraleja encontramos que padrón, pedrón estarían relacionados con petram pedra, según as tradicións xacobeas e que sería un peñón xunto ó río Sar ou mellor, en cita de Ambrosio de Morales, o pedestal con inscripción romana que alí se conserva. En portugués padrão marco, monumento de pedra. 37.-Pedrafita: Pedrafita: Un dos elementos máis habituais nas vías antiguas era o miliario, pedra cilíndrica chantada verticalmente e que levaba indicación de que gobernantes mandaron facer ou reparar aquela vía e máis cantos miles de pasos (milia passuum millas ) había dende unha determinada cidade ou vila. Pedrafita e Parafita poden indicar a presencia de miliarios antigamente. Pero tamén é posible que o topónimo aluda ós prehistóricos megalitos que con palabra allea se coñecen como menhires. 38.-Peñalba: 39.-Pereira/Pereiro: pirum pera máis o sufixo-aria,-arius,-arias e arios dan como resultado estos dous topónimos e tamen Pereiras (Fonte Pereiras, en Vimianzo) e Pereiros e incluso Pereiró. Son fitotopónimos moi abundantes en toda Galiza. 40.-Poio:Do termo latino podium que alude ás condicións de lugar elevado con boas vistas. Corresponde a Pueyo, El Pueyo (en Navarra) e máis o Puig catalán castelanizado en Puch, para reflexar a pronuncia catalana. 41-Pombal: Do nome dun paxaro veñen tamén os nomes dos lugares que se chaman Pombal e Pombeiro. Aquí viven as pombas. Tamén os pombos, que non son os paxaros macho, senón as pombas bravas que non cría o home e que buscan elas soas o alimento no monte. Como pombal e pombeiro son construccións que fai o home, os nomes de lugar que se chaman así tamén poden ser incluídos no grupo dos lugares que tomaron o seu nome de construccións feitas polos homes. 42.-Ponteceso: Dise que procede de pontem caesum do verbo caedere cortar e sería, polo tanto, unha antiga ponte rota. Sorprende que esta ponte vaia acompañada dun adxectivo masculino frente ás outras pontes como tabeadas, pedriñas, ferradas. Tería a explicación de que conserva o xénero masculino do pontem latino. 43.-Pontevedra: Do latín pon-s, pont-is: ponte e vetu-s, veter-is: vello,-a. A ponte deu moitos topónimos. Son moi frecuentes A Ponte, A Ponte Nova. Lugares que se chamen A Ponte Vella só hai un na Coruña, pero iso é o mesmo que significa Pontevedra. Vedro, Vedra son formas antigas de vello, vella e é case seguro que os topónimos que se encontran con esta palabra fan referencia a algo vello. 44.-Portomarín: Marín carece do primeiro elemento. No caso de Portomarín hai que ter en conta que ademais dos significados xa coñecidos de porto referíase a "un lugar
de paso fácil nas montañas ou nos ríos", tendo en conta que se por unha zona é difícil o tránsito, o home buscou os sitios máis doados para cruzalas. Unha boa parte dos nomes das nosas poboacións proveñen dos nomes dos antigos propietarios desas terras, xente que se instalou nelas, que as traballou e que logo llelas transmitiu ós seus herdeiros. Poñerlle o noso nome ás cousas que nos pertencen era algo tan común daquela coma hoxe, e iso fai que o grupo destes topónimos sexa ben numeroso. 45.-Ribadavia: Do latín rip-a,-ae: ribeira: Hai moitos nomes de lugar relacionados coa auga que están bastante claros. Ribadavia significa á beira do río Avia. 46.-Ribeira: do termo latino ripariam costa, orilla, refírese a unha beira do río (O Ribeiro) ou do mar (Ribeira). Rivadumia, Rivadavia, Rivadeume, Rivadulla, Ribadeo derivan de ripam beira. Son topónimos que indican lugar que está á beira do río Avia, Eume, Umia, Ulla ou Eo respectivamente. Rivadavia equivale, logo, a Valdivia, nome dun afluente do Pisuerga. Considérase que tanto Avia como Umia son derivados de lenguas prerromanas que significan río ou humidade, choiva, sería como o concepto que hay en Río Guadiana. O Avia que nun tramo chámase Avión, parece ter relación co francés Avançon. O Eume é posible que inicialmente fose tamén Ume (Riba de Ume) e despois mudase o acento. O Eo aparece na Idade Media como Uve, Evii, Iube, Euve. 47.-Santiago: De (ecclesia) sancti Iacobi igrexa de San Xacobe. Grafía arcaica: Sant-Iago; portugués: San Tiago. 48.-Sanxenxo: Un topónimo con dúas palatales sonoras na súa orixe Sanctu Genesiu San Ginés en castelán e en galego San Mamede, Sanamedio, Sanomedio, Sandomedio e San Xes, teñen a mesma etimoloxía. Tamén deu Xinzo. Tódalas igrexas están adicadas a un santo, a un home ou a unha muller que destacou polo seu comportamento relixioso. Por iso as parroquias, que agrupan as localidades que dependen de unha igrexa, teñen cada unha o seu santo e fan unha festa na súa honra e tamén en moitas ocasións, ata se chaman co nome do santo. 49.-Seixo: 50.-Sobrado 51.-Touro 52.-Triacastela 53.-Veiga 54.-Vigo 55.-Vilaboa 56.-Vilachá 57.-Vilagarcia 58.-Vilalba 59.-Vilameá 60.-Xestoso 61.-Xunqueira